Thursday 02 de May de 2024

O castelo de Moeche bate as súas marcas de visitantes


O castelo de Moeche é o noso patrimonio máis destacado e tamén un elemento histórico co que todo o municipio se identifica e o identifica como propio. É, xunto co festival que se celebra esta fin de semana, unha das nosas principais cartas de presentación fóra do concello, pero tamén un polo de atracción turística que neste 2018 leva trazas de superar as súas propias marcas. E é que desde xaneiro ata xullo, á fortaleza accederon 2.300 persoas, un 37% máis que no mesmo período do ano pasado. Segundo o executivo local, a este incremento contribuíron a ampliación de días e horarios de atención, a organización de eventos culturais entre os seus muros e tamén as facilidades de acceso que se lle brindan á veciñanza de Moeche.

De xaneiro a xullo de 2017 visitaron o castelo de Moeche 1.679 persoas. Un ano despois, a cifra no mesmo período chegou ás 2.298 entradas entre visitas individuais e grupos. O reconto achega tamén información sobre os lugares de procedencia. Destacan as visitas da comarca e do resto de Galicia, seguidas de zonas limítrofes como León, Asturias ou O Bierzo, ademais das comunidades do norte do Estado. Porén, a técnica que atende as instalacións e guía o percorrido pola fortaleza rexistrou turistas de lugares máis afastados: Gran Canaria, Valencia, Mallorca… mesmo de Francia, México, Dinamarca e Alemaña constan na estatística do que vai de ano. Como dato curioso, son máis as visitas femininas que masculinas.

O castelo é unha xoia arquitectónica do medievo única pola súa estrutura e polo seu excepcional estado de conservación, á que se lle engade o mimo co que o Concello coida todo o recinto. Alén diso, o consistorio tamén está apostando por este elemento histórico e patrimonial de cara a potenciar o seu uso como espazo cultural alternativo. Cómpre lembrar que no seu interior se encontra o Centro de interpretación das Revoltas Irmandiñas -a segunda, a partir de 1467, está considerada a primeira grande revolución europea- e que, ademais, alí se desenvolven ao longo do ano exposicións, programas municipais e espectáculos musicais e teatrais que cobran valor polo entorno e pola excepcional acústica do seu patio de armas. Unha das propostas que agora está tendo máis éxito é “A porta aberta do castelo de Moeche”, interpretada polos Quinquilláns todos os venres a partir das 21.00h. ata finais deste mes de agosto.

“Queremos que o castelo sexa un espazo vivo, non só un monumento que debamos preservar”, explica Beatriz Bascoy. Nese camiño, o Concello “apostou por mantelo aberto máis horas e máis días da semana, fomentando tamén as visitas da poboación local mediante a entrega dunha tarxeta de acceso libre que a veciñanza de Moeche pode solicitar no Concello e ila renovando cada ano”.

Alén do seu propio valor histórico e monumental, desde o goberno local tamén se pretende encadrar a fortaleza en itinerarios de maior alcance. Moeche é enclave obrigado das rutas e produtos turísticos do norte da Coruña e tamén está séndoo na definición do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Neste sentido, o castelo forma parte da denominada Xeoruta do Toelo -a próxima é este mércores 15 de agosto, con inscrición previa-, na que se pode descubrir a riqueza do municipio en rochas serpentinitas así como o xeito en que foron aproveitadas como material construtivo ou para a siderurxia do norte de Europa.

Durante o verán, do 15 de xuño ao 30 de setembro, o castelo de Moeche está aberto os martes de 15.30 a 19.30h., mentres que os mércores, xoves e venres o horario de apertura é de 12.00h. a 14.00h. e de 17.00 a 20.00h. As fins de semana e festivos abre media hora antes tanto pola mañá como pola tarde. Os luns permanece pechado a menos que cadre en festivo, de maneira que o día inhábil pasaría ao martes.

As entradas para menores de 6 anos e persoas empadroadas en Moeche son gratuítas -pódese solicitar o pase anual no Concello-, a entrada xeral -máis de 12 anos sen carné xove- son 2,50€ e a de persoas xubiladas e rapazada de 6 a 12 anos está fixada en 1,50€. Quen dispoña do Carné Xove só pagará 2 euros. Se se quere visitar o castelo en grupo hai que saber que os grupos de máis de 15 persoas terán un prezo de 2 euros por persoa. O alumnado de centros de ensino pagará 1 euro e se se trata de rapazada do CEIP San Ramón, o acceso é gratuíto.